Saturday 18 de May de 2024

O Concello organiza varios actos para conmemorar o Día de Narón


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou, acompañada pola concelleira de Turismo Natalia Hermida, os actos conmemorativos do Día de Narón, que se celebra cada 23 de novembro na cidade. A programación deseñada para a xornada comezará ás 11.00 horas coa Andaina “Barrios no Camiño” que se desenvolverá cun itinerario entre Pedroso e O Couto, con inscrición previa no teléfono 633230054 para as persoas interesadas en participar.

A Praza 23 de novembro, na Solaina, acollerá gran parte dos actos programados nesa xornada, concretamente cunha sesión de teatro infantil a cargo de Inventi Teatro que leva por título “A gran viaxe” que se poderá ver de12.00 a 13.00 horas. Un apartado gastronómico terá lugar coa Filloeira de Lestedo que estará instalada na praza en horario de mañá entre as 13.00 e as 15.00 horas e tamén estará en horario de tarde entre as 17.15 e as 20.00 horas. Ás 13.30 horas terá lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Padroado de Cultura.

Coa actuación musical infantil do grupo Migallas Cantaxoga reanudaranse os actos na Praza 23 de novembro ás 17.00 horas e rematarán coa actuación musical do grupo Gin Tonic entre as 18.15 e as 20.00 horas.

Ferreiro convidou ás veciñas e veciños a participar nestes actos programados para o Día de Narón “para xuntarnos novamente e celebrar a festividade da nosa cidade, con propostas abertas a toda a cidadanía”.